Literatura do Exilio Galego (1936-1976)
ALITERATURA DO EXILIO ENTRE 1936 E 1976
Poesía, prosa e teatro. A Guerra Civil interrompeu de xeito tráxico o movemento político e cultural desenvolto no primeiro terzo do século XX coas Irmandades da Fala, a Xeración Nós, o Seminario de Estudos Galegos e o Partido Galeguista. O triunfo do franquismo significou a desaparición, por morte, exilio ou silencio forzado, dos persoeiros da cultura e literatura galegas e o aniquilamento das empresas (editoriais, revistas, centros de estudo…) ao seu servizo, convertendo Galicia nun ermo total nos anos posteriores á guerra, sobre todo durante a década dos 40. A actividade cultural e literaria só sobreviviu durante estes anos no exilio e na emigración, nomeadamente en Arxentina. Na súa capital, Bos Aires, creáronse editoriais (Galicia, Atlántida, Emecé … ), organizábanse exposicións, representacións teatrais ou audicións de radio en galego, editáronse xornais e revistas (“Correo Literario”, “Galicia Emigrante”, segue viva “A Nosa Terra”)… e isto converteu a cidade na verdadeira capital política, cultural e literaria de Galicia.
1. A POESÍA
A poesía foi o xénero máis cultivado na literatura galega do exilio. Os temas abordados nela reflectían asuntos e problemas dos que sería imposible falar na Galicia daquel tempo, dominada pola represión franquista. Estes temas eran a denuncia social, a reflexión sobre o drama dos emigrantes e dos exiliados galegos e a reivindicación da dignidade e do pasado histórico de Galicia. Entre os principais poetas do exilio salienta a produción de Luís Seoane, Lorenzo Varela e Emilio Pita. As súas obras de contido social influirán poderosamente na corrente socialrealista que triunfará en Galicia nos anos 60 e 70. Luís Seoane foi unha das personalidades máis activas e creativas da cultura galega do exilio. Foi un artista polifacético: pintor, gravador, dramaturgo, poeta e editor. Como poeta deixounos os seguintes títulos: Fardel de eisilado (1952), Na brétema, Sant-Iago (1956), As cicatrices (1959) e A maior abondamento (1972). O tema central da súa poesía é a emigración, tratada desde a perspectiva dos propios emigrantes. Ten unha concepción socialrealista da poesía, pois enténdea coma unha arma útil para a denuncia. O protagonista dos seus poemas é o pobo galego, os traballadores, considerados os verdadeiros heroes de Galicia. Lorenzo Varela achéganos dende o exilio dous libros fundamentais: Catro poemas para catro gravados (1944) e Lonxe.
O primeiro, ilustrado por Seoane, desenvolve cadros de personalidades históricas galegas reivindicando a súa figura (María Pita, María a Balteira…). Lonxe (1954) é a súa obra máis significativa e está centrada nunha dobre temática: a denuncia da guerra e das súas consecuencias no país e o estrañamento provocado pola ausencia da Terra, o exilio e a saudade. Emilio Pita foi un esforzado activista político e cultural na emigración, así como produtor e colaborador de revistas culturais. É autor dun dos primeiros libros publicados no exilio, Jacobusland (Bos Aires, 1942). Neste poemario, ilustrado por Castelao, retoma a vella poesía social ao xeito de Cabanillas para denunciar a barbarie da guerra e do exilio e expresa a nostalxia pola Galicia anterior ao conflito. Tanto nesta obra coma nas seguintes (Cantigas de nenos, Polos camiños do pobo, Os relembros. As cantigas, O ronsel verdegal) priman a capacidade de comunicación e a mensaxe por enriba da cuestión formal.
2. A NARRATIVA
A maior achega á narrativa desde o exilio veu da man de Blanco Amor, coa publicación de A esmorga (Bos Aires, 1959), e de Neira Vilas, con Memorias dun neno labrego (Bos Aires, 1961). A narrativa do exilio caracterízase pola publicación de novelas realistas, con certas doses de autobiografismo, que centran a súa temática na experiencia traumática marcada pola guerra e na represión dos primeiros anos da posguerra: o mundo dos fuxidos, da guerrilla, da represión e o desterro. Ademais dos citados, os autores máis destacados que cultivaron este xénero foron Ramón de Valenzuela, Silvio Santiago e Antón Alonso Ríos. Ramón de Valenzuela aborda, na súa primeira novela, Non agardei por ninguén (1957) as peripecias dun fuxido e guerrilleiro co trasfondo da marxinación do mundo rural, das inxustizas sociais, o mundo das guerrillas e a loita galeguista. Silvio Santiago deixounos dúas importantes novelas de declarada intención realista. En Vilardevós (1961) recrea a súa aldea natal e a súa infancia e rememora a vida pasada na aldea, xunto coas xentes e a natureza. O silencio redimido (1976) conta a traxedia vivida na conxuntura da guerra. Antón Alonso Ríos publicou en 1956 Da saudade. Amor, arte e misticismo, novela de evocación fidalga e con protagonismo da paisaxe, seguindo a narrativa de Otero Pedrayo. O siñor Afranio ou como rispei das gadoupas da morte (memorias dun fuxido) (1979) é unha novela autobiográfica que trata o tema da guerra e da fuxida para escapar da morte que atoparon moitos dos seus compañeiros e amigos.
3. O TEATRO
A existencia de compañías como a Compañía Galega Maruxa Villanueva (actriz que lle dá nome) e Teatro Popular Galego (fundado e dirixido por Blanco Amor) fixeron posible a actividade teatral no exilio. No teatro do exilio conviven dúas tendencias: unha de tipo culto, con técnicas e temas de carácter innovador (representada por autores como Castelao e Luís Seoane) e outra de tipo máis popular, enxebrista e costumista (representada por dramaturgos como Manuel Varela Buxán).
- Teatro popular: é un teatro costumista pero non esquece a intención de espertar a conciencia galeguista. O dramaturgo de máis sona foi M. Varela Buxán, autor de obras como A xustiza do muiñeiro ou O ferreiro de Santán.
- Teatro culto: continúa a ansia modernizadora do grupo Nós tanto na estética coma nas técnicas dramáticas. Destaca a figura de Castelao con Os vellos non deben de namorarse, estreada en Bos Aires en 1941, na que mestura a tradición (tema tradicional, máscaras propias do entroido galego…) cunha estética expresionista (mestura de diferentes artes, simbolismo das cores…). Esta peza converteuse na obra máis coñecida e representada do noso teatro. Luís Seoane, malia non poder estrear daquela ningunha obra por mor circunstancias, escribiu tamén tres pezas dramáticas que son exemplo dun teatro moi culto, cívico, moderno e de calidade: A soldadeira, O irlandés astrólogo e Esquema de farsa.
O TEATRO GALEGO ENTRE 1936 E 1976
A XERACIÓN DOS 50 E O GRUPO DE RIBADAVIA. Tras a guerra civil, o teatro galego viuse condenado ao silencio imposto pola ditadura, ficando apartado dos escenarios e con moi poucos cultivadores. A recuperación do teatro nesta etapa será máis tardía cá da poesía ou da narrativa, debido á maior complexidade do xénero, que necesita de compañías, actores e directores que executen a representación teatral. A creación da Editorial Galaxia en 1950 supuxo un pulo no proceso de recuperación do teatro, pero a actividade teatral propiamente dita non se recupera en Galicia ata finais dos anos 60. Mentres, os autores do exilio mantiñan viva a chama da nosa dramaturxia fóra das nosas fronteiras.
1. PROMOCIÓNS DO TEATRO DE POSGUERRA
Podemos distinguir tres promocións no panorama teatral desta etapa:
- Grupo de enlace. A primeira promoción está representada por autores maiores (nados antes de 1911) que escriben obras entre 1950 e 1965. Estas obras case nunca chegaban a ser representadas e incluso eran xa concibidas para a lectura, dadas as escasas posibilidades de que puidesen chegar ao escenario. Os autores máis relevantes desta promoción son Álvaro Cunqueiro, Carballo Calero e Xenaro Mariñas del Valle.
- A xeración dos 50. O grupo de autores e autoras que constitúen esta xeración escribiron, en xeral, obras de carácter social, pois concibían o teatro coma unha arma máis na loita polas liberdades, a defensa e afirmación do país. A forte represión do momento impediu a representación das súas pezas, polo que na maior parte dos casos quedaron como “teatro para ler”. Debemos salientar as figuras de Manuel María, Xohana Torres, Daniel Cortezón e Bernardino Graña.
- O grupo de Ribadavia. O teatro galego inicia unha nova etapa en 1973 grazas a dous importantes feitos que lle serven de impulso : – Por unha banda, a Agrupación Cultural Abrente de Ribadavia, presidida por Ernesto Chao, convoca a I Mostra de Teatro Galego de Ribadavia, que terá continuidade ata 1980 e que servirá de punto de encontro para poñer en contacto á xente do mundo do teatro. Estas mostras teatrais foron, ademais, un poderoso estímulo para a creación teatral, posto que que garantían que as obras fosen representadas (leváronse á escena máis dun cento de pezas). Así pois, convertéronse nunha plataforma de lanzamento de novos autores e de numerosas compañías de teatro independente e de afeccionados nas principais cidades galegas. Debemos sinalar, entre outras, as agrupacións Antroido, Artello, O Facho, Teatro Circo, Teatro de máscaras… Estes grupos pretendían rescatar o teatro das salas convencionais para achegalo ao pobo en novos espazos, encontrar novas formas de creación e representación e desenvolver un teatro galego moderno e comprometido. – Ao mesmo tempo, celebrábase tamén en Ribadavia o Concurso de Teatro Abrente, que serviu para dar a coñecer unha nova promoción de dramaturgos e darlle un decidido impulso ao teatro. Características xerais do Grupo de Ribadavia: – Impulsan a profesionalización do teatro e son dramaturgos integrais: autores, actores e directores ao mesmo tempo. – Elaboran un teatro actual e de calidade, practicando o experimentalismo, en conexión coas tendencias do teatro europeo do momento. – Fan un teatro comprometido coa realidade social e política do país (denuncia da opresión política, lingüística e cultural), pero atendendo asemade os aspectos escénicos e de espectáculo. – Inician a produción do teatro infantil. Son autores sobranceiros do Grupo de Ribadavia, entre outros, Manuel Lourenzo, Euloxio Rodríguez Ruibal e Roberto Vidal Bolaño.
REALISMO SOCIAL: EDUARDO BLANCO AMOR
Blanco Amor é un narrador tardío. Antes da guerra civil escribira fundamentalmente poesía vangardista, pero a súa produción en prosa cobra relevancia na posguerra. Durante os seus anos de exilio en Arxentina publicou a novela A esmorga (1959) e o libro de relatos Os biosbardos (l962). Xa de volta en Galicia, sacou ao prelo a súa última novela en galego, Xente ao lonxe (1972). A esmorga está ambientada nos arrabaldes de Auria (trasunto literario de Ourense) e relata, cun realismo descarnado, a traxedia de tres personaxes marxinais (o Bocas, o Milhomes e o Cibrán) que acaban atopando a morte tras unha longa noite de alcohol e violencia. Estes homes son incapaces de reconducir a súa vida, tanto polas súas propias características psicolóxicas e sociais coma por culpa dunha sociedade inxusta e opresiva que non lles deixa saída. O ambiente de represión aparece reforzado, ademais, pola presenza constante dun clima adverso dominado pola chuvia e o frío, que se converte nun motivo recorrente e simbólico ao longo da novela. A nivel formal destacan a ambientación nun espazo urbano e o uso da técnica narrativa do interrogatorio. Os cinco capítulos da novela son, en realidade, a transcrición das declaración feitas polo Cibrán perante o xuíz, personaxe do que non se reproducen nunca as intervencións (tal vez para simbolizar que o protagonista non ten amparo e que xa está condenado de antemán). A linguaxe empregada é dura e está inspirada na lingua popular. Xente ao lonxe é tamén unha novela ambientada no Ourense de principios do S.XX. Os protagonistas son os membros dunha familia obreira de esquerdas, vinculados con asociación sindicais e que loitan polos seus dereitos e por unha escola laica. A través deles, que se van alternando como narradores da obra, imos coñecendo o tecido social do momento e os problemas referidos á educación, ás tensións relixiosas, á pobreza, á hipocrisía social, á política e á emigración. Os biosbardos recolle un conxunto de relatos novamente ambientados na cidade natal de Blanco Amor e narrados en primeira persoa por nenos e adolescentes. Estes relatos constitúen unha radiografía da sociedade galega nas primeiras décadas do século XX e reflicten unha sociedade fortemente autoritaria e rexida pola Igrexa e a Escola.