A raíz da aprobación do Estatuto de Autonomía, en 1981, o galego convértese en lingua oficial da Comunidade Autónoma de Galicia, ao mesmo nivel que o castelán.

Teñen, polo tanto, as dúas linguas o status legal de cooficiais. Ademais, o establecemento como lingua propia do galego supón o seu recoñecemento como lingua histórica de Galicia e, en consecuencia, pon en valor a súa importancia como símbolo cultural e identitario. Porén, o feito de que se estableza o dereito de coñecer e usar tanto o galego como o castelán, pero non o deber, implica unha desigualdade cara á lingua galega, pois na Constitución española, aprobada en 1978, si que se declara a obrigatoriedade do coñecemento da lingua castelá, no seu artigo 3.1. Isto provoca unha situación de xerarquía lingüística en favor do castelán, que ademais é a única lingua oficial en todo o Estado español.

Este status legal da lingua galega debe materializarse nunha serie de usos, que se recollen na Lei de Normalización Lingüística, aprobada en 1983 polo Parlamento de Galicia.


Podemos destacar algúns como o emprego polas institucións da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa Administración pública, a incorporación ao sistema educativo, do cal é a lingua oficial en todos os niveis, ou a toponimia en galego como única oficial. Por outra parte, ao converterse en lingua oficial, aumenta a necesidade de fixar unha variedade estándar ou normativa, co fin de ser usada nos ámbitos formais e na escrita. Así, en 1982 publícanse as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, declaradas oficiais ese mesmo ano pola Xunta de Galicia. Estas normas foron revisadas en 1995 e en 2003, versión que acadou xa un importante consenso entre as diferentes propostas, polo que se coñece como a “normativa de concordia”.


No gráfico observamos que a adquisición do galego como primeira lingua descende a medida que o fai a idade, de xeito que a diferenza entre o grupo máis novo e o de máis idade é superior ao triplo. Resulta máis preocupante aínda que nas persoas máis novas (de 5 a 14 anos), o bilingüismo permanece igual, mentres que o castelán como lingua inicial aumenta considerablemente. En definitiva, cada vez son menos os nenos e nenas que aprenden a falar en galego como primeira lingua.

Unha posible medida de normalización sería unha campaña de publicidade dirixida ás familias, como é a campaña Apego, baseada no argumento de que un neno ou nena educado nunha familia galegofalante vai ser probablemente bilingüe, pois o castelán xa se aprende por outras vías fóra da familia. Tamén é importante incidir noutros ámbitos, como nos medios de comunicación, sobre todo a televisión e outros dispositivos audiovisuais (tableta, móbil, etc.). Polo tanto, unha segunda medida estaría destinada á creación e difusión de máis contidos en lingua galega adecuados para a infancia e mocidade. Neste sentido, destaca a campaña da Mesa pola Normalización Lingüística de creación dunha canle integramente en galego da TVG para o público máis novo.


O texto denuncia a ausencia do galego de ámbitos de prestixio como as tecnoloxías dixitais, o que tamén se pode estender a outros medios de comunicación, como a prensa ou a televisión. Isto indica que a lingua galega non está normalizada, xa que non se encontra presente en todos os ámbitos sociais. Ademais, ten repercusión na transmisión interxeracional do galego, pois, como lle ocorre á protagonista da anécdota, Moraima, aínda que recibe a lingua galega por parte da súa familia, algúns dos outros axentes de transmisión ofrecen só ou maioritariamente input lingüístico en castelán ou inglés. Esta situación pode provocar que nenos e nenas de familias galegofalantes, ao ir medrando e incorporándose á sociedade, vaian abandonando a súa lingua inicial.

As medidas de normalización destinadas a intentar superar esta situación relaciónanse co aumento da súa presenza nos ámbitos de maior prestixio para a infancia e a xuventude. Temos recentemente exemplos co fenómeno das Tanxugueiras ou a demanda da Mesa pola Normalización Lingüística dunha canle temática infantil da Televisión de Galicia. Ademais, con respecto ao ámbito escolar, sería necesario contemplar a aplicación de programas de inmersión lingüística na Educación Infantil (0-6 anos), sobre todo nos ámbitos urbanos, tal como, de feito, recolle o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade do Parlamento de Galicia en 2004.


Asun Estévez 2013 “Poema sen voz”

Estamos ante un poema de autoría feminina, que pon de manifesto a consolidación da muller na produción literaria nas últimas décadas, visibilizando de forma consciente o punto de vista feminino. Fronte á tendencia culturalista doutros períodos, esta nova poesía está caracterizada pola presenza dunha linguaxe máis próxima e accesible, así como por temáticas relacionadas co íntimo e o cotián. Neste sentido, búscase trasladar unha mensaxe clara e directa, evitando os artificios literarios superfluos.

Respecto ás características concretas do texto, observamos unha voz lírica en primeira persoa que remite a un eu íntimo e introspectivo, que se ispe ante a persoa receptora. Isto contribúe a que nos identifiquemos cos sentimentos desacougantes que transmite o poema. Ademais, os versos “rescatei un poema sen voz” introducen unha referencia metaliteraria e supoñen unha metáfora de significado múltiple, que se pode reinterpretar desde diversos puntos de vista, desde máis persoais ata vinculados a cuestións sociais, na liña da linguaxe simbólica.

Canto á segunda característica, podemos destacar, desde o punto de vista da forma, que o poema non segue ningún esquema compositivo tradicional nin presenta rima, pero si regularidades métricas: versos heptasílabos combinados con outros máis breves, todos eles de arte menor. Outras voces poéticas representativas desta época poden ser Yolanda Castaño, coa súa obra O libro da egoísta, ou Olga Novo, con Nós nús.


Este poema sitúase na época actual (S. XXI), na tendencia lírica que reivindica as desigualdades sociais, neste caso centrada na figura da muller. En concreto, denuncia a violencia de xénero, desde unha primeira persoa colectiva feminina, fronte a un eles opresor (“queren”, “matan”), que prohibe a muller ser suxeito, pois valora unicamente o seu aspecto exterior e provoca a súa submisión.

Desde o punto de vista da forma, fronte á tendencia culturalista doutros períodos, esta nova poesía está caracterizada pola presenza dunha linguaxe máis próxima e accesible. Con isto, conséguese unha mensaxe clara e directa, contundente nestes escasos seis versos, nos que a muller non aparece como suxeito, pola súa posición de oprimida, pero a súa forza late nos pronomes “nos”, de xeito que o autor consegue converter o poema nunha denuncia cara a ese suxeito opresor. Ademais, Daniel Asorey introduce un exemplo de linguaxe non binaria, a través do adxectivo “submises”, co que visibiliza esa loita contra as imposicións sociais dos estereotipos de xénero.

Outras voces poéticas representativas desta época poden ser Marta Dacosta, coa súa obra Notas sobre a extinción, ou Fran Alonso, con Terraza.

Outros exemplos: Carlos Negro, con Penúltimas tendencias, ou María do Cebreiro con obras como O deserto.